8/3/07

Mulleres inmigrantes no día da muller

Julio. Secretario Xeral de XSG Pontevedra. No día da muller nos reunimos para conmemorar unha data na que os homes e as mulleres de todo o mundo, separados por fronteiras, diferenzas culturais, lingüísticas, económicas, políticas e sociais se unen para reivindicar a igualdade entre homes e mulleres. Dende que a francesa Olympe de Gouges fora guillotinada en 1793 por revelarse contra o poder establecido e soster que as mulleres tiñan os mesmos dereitos que os homes pasaron moitos anos pero as súas ideas quedaron plasmadas na sociedade, ata que en 1998, na Conferencia Mundial dos Dereitos Humanos, a ONU afirma por primeira vez que os dereitos da muller son parte inalienable, integrante e indivisible dos dereitos humanos universais.

Dende o inicio desta celebración en 1909, de conformidade cunha declaración do Partido Socialista dos Estados Unidos de América o 28 de Febreiro, o día da muller adquiriu unha nova dimensión mundial. Este crecente movemento internacional da muller contribuíu a que esta conmemoración sexa un punto de converxencia das actividades coordinadas en favor dos dereitos humanos da muller. Neste día temos a oportunidade de reflexionar sobre os avances conseguidos pero non debemos deixar de loitar pola igualdade e a xustiza social para garantir que os valores fundamentais e universais da liberdade, a democracia, a paz e os dereitos humanos se apliquen igualmente ás mulleres, xa que na actualidade aínda existen diariamente casos de discriminación, diferenzas raciais e violencia contra as mulleres e as nenas.

Na actualidade vivimos nun mundo globalizado, nun mundo onde se mesturan diferentes culturas, un mundo onde convivimos nun mesmo pais, nunha mesma cidade e incluso nun mesmo edificio con persoas de outras nacionalidades, dunha cor de pel diferente ou distinta lingua pero debemos de ter moi claro que estas diferenzas constitúen unha riqueza para o mundo, para a nosa sociedade e para nos mesmos e nunca poden ser utilizadas para xustificar prácticas dañinas nin para negar os dereitos humanos, dereitos que temos todos e polos que sempre debemos loitar para conservalos e para que sexan respectados.

Estamos todos de acordo en que a globalización conduce a inmigración, esta afecta cada vez mais a un número maior de persoas e países. As mulleres vense implicadas en procesos migratorios rexionais e internacionais para encontrar traballo, para escapar de desastres naturais, das guerras, da represión política, da discriminación e da violación dos seus dereitos, todo isto o podemos resumir en que a inmigración ten como finalidade a mellora na vida cotiá dos inmigrantes e dos seus fillos, o único que busca a muller canto toma a difícil decisión de migrar non é mais ca un acto de esperanza, unha esperanza na busca de mellores oportunidades ou simplemente unha oportunidade que non teñen nos seus países de orixe e a mellor forma que temos para poder axudar é conseguir un mundo mais xusto. Temos que conseguir que estas mulleres participen e sexan protagonistas nas políticas de integración. Todas as culturas son dinámicas e polo tanto cambiantes na relación con outras, cando as mulleres inmigrantes reivindican os seus dereitos están actuando como axentes do cambio.

Nos nosos postos de traballo, no noso entorno podemos observar a moitas persoas que séntense ameazados pola presenza de inmigrantes, pode ser que teman unha maior competencia no mercado laboral ou que sentan inseguridade polos cambios que implican na sociedade a diversidade cultural. Pero a realidade é que parte da prosperidade da nosa economía e gracias a inmigración, este conflito debe ser superado.

En España residen cerca de catro millóns de inmigrantes, o que representa un da cada dous fogares novos, a chegada dos inmigrantes e a súa incorporación o mercado laboral explica parte do crecemento da economía do noso país. No mes de Novembro o goberno dou a coñecer o primeiro cálculo oficial sobre o impacto económico da inmigración, neste se destaca que a inmigración contribuíu a crear a metade do crecemento do Produto Interior Bruto dos últimos cinco anos. A inmigración tamén compensou a baixa tasa de natalidade, activou o consumo en alimentación, ocio, servizos etc... e liberou ás familias de parte das súas responsabilidades o confiar os seus rapaces e anciáns a unha man de obra doméstica barata procedente da inmigración, mais en concreto das mulleres inmigrantes. En Pontevedra, na nosa cidade convivimos con mais de 1500 mulleres inmigrantes e a súa incorporación laboral prodúcese de forma maioritaria no servizo doméstico, moitas veces en situacións de economía sumergida sen dereitos laborais, sanitarios, sociais nin sindicais.

As mulleres traballan máis que os homes e se este traballo se reflejara nas estatísticas seguramente destruiríamos o mito de que os homes son os que mantemos o fogar.

A realidade é que inmigración é unha fonte de oportunidades e tamén unha modernización da cultura.

Quero tamén facer fincapé en que aínda que englobemos a todas as mulleres baixo a etiqueta de “inmigrantes”, non nos debemos de esquecer nunca do rostro concreto da persoa, porque por moitas etiquetas que se lles poñan son persoas coma todos nos.

Gustaríame recalcar que son moitos os avances conseguidos pero temos que seguir loitando para que se recoñezan moitos dereitos que hoxe en día non teñen, seguir loitando día a día porque loitar tamén é educar.
.