30/5/07

A xornada celebrada en Pontevedra o pasado 28 de Abril todo un éxito, tanto pola concurrencia como polos temas que se trataron

A vivenda, o emprego, o transporte e o lecer serán os eixos do programa socialista en materia de Mocidade Un total de 70 mozos e mozas chegados de toda Galicia participaron na Xornada sobre Políticas Municipais de Mocidade celebrada en Pontevedra o pasado sábado e organizada polas Xuventudes Socialistas. Tere Casal acodeu a abrir e clausurar un acto que, ademais, serveu para adiantar as principais liñas programáticas que, para a mocidade, presentamos os socialistas pontevedreses.

A número 1 da lista do PSdeG-PSOE lembrou que Pontevedra ten máis de 40.000 persoas con menos de 40 anos, o que supón máis da metade da poboación e converte á nosa cidade na máis nova, proporcionalmente, de toda Galicia. Por iso, dixo, é imprescindible que dende o Concello se continúe a ruta que está a emprender a Xunta de Galicia con medidas como a lei que vai obrigar a reservar un mínimo dun 40% das vivendas construídas para pisos protexidos. Lamentou Teresa Casal que a sociedade acabe aceptando como algo normal a traxedia cotián que supón que os mozos non se poidan independizar dos seus pais e que o importe medio das hipotecas creceran na cidade un 150% en cinco anos. Volveu avogar pola creación da Empresa Municipal de Vivenda e Xestión do Solo como un órgano adicado a impulsar decididamente un aproveitamento máis racional dos polígonos urbanísticos, que pase da monetarización que actualmente fai o Concello dos aproveitamentos que lle corresponden, a unha nova concepción baseada na loita polo abaratamento da vivenda.
Por outra banda, Tere Casal aludiu ós pasos que o Concello xa está a dar para crear emprego entre os mozos. Referiuse á Iniciativa Local de Emprego Social, ILES, na que están a participar 125 persoas que, curiosamente, dixo son maioritariamente persoas con estudos universitarios e que non atoparon emprego. No ILES, no que a presencia feminina e aplastantemente maioritaria, dixo, dáselles a formación á que non puideron acceder para encaixar no mercado de traballo e, de feito, incidiu, os índices de inserción laboral están a ser significativos. Tamén recordou o traballo feito coa Escola Obradoiro de Monte Porreiro, que conclúe este mes de xuño, e a inminente posta en marcha do Obradoiro de Emprego.
A candidata socialista referiuse tamén á próxima implantación do Convenio do Transporte Interurbano e Interparroquial, en colaboración coa Xunta, que ela quere reforzar coa construción dun carril-bus perimetral e unha conexión áxil co campus universitario. Finalmente, Tere Casal lembrou os programas xa postos en marcha dende a Concellaría de Benestar Social como Noites Abertas, a web para grupos de música xoven, así como así como as iniciativas para poñer en marcha un centro de información afectivo-sexual “Quérote” ou o local de ensaio que se vai habilitar na nave da estación de Renfe.
A Xornada tamen contou coa presenza e a participación de Julio Castela, secretario de Xuventudes Socialistas de Pontevedra e número 8 da candidatura de Tere Casal; o parlamentario Guillermo Meijón; o técnico do Concello da Coruña, Rubén Bouyón; a concelleira de Xuventude de Vilagarcía, María Araújo; a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Margarita Castejón; a concelleira de Mocidade de Cerdeda, Silvia Fraga; o parlamentario José Manuel Lage; a secretaria xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia e presidenta do Consello Galego da Xuventude, Dolores Rodríguez; o sociólogo e politólogo José Manuel Rivera e o deputado en Cortes Antón Louro.

No hay comentarios: